Ao pé da letra (2004-2005)

Ao pé da letra (2004-2005)

Concerto de Nadal 2004 Universidade de Vigo

7 abril 2005 no Teatro Rosalia de Castro da Coruña 

Ao Pé da Letra "Un espectáculo na boca da realidade"

16 de decembro Centro Cultural Caixanova 20:30h. Retirada de invitacións: Vicerreitorado de Extensión Universitaria

Ao pé da letra, preséntase en Vigo o xoves 16 de decembro tendo con Jorge Drexler como artista convidado

"Ao pé da letra" é un punto de encontro de varios artistas e proxectos musicais galegos que queren tomar a palabra. Procedentes de universos e premisas musicais diferentes, todos comparten a vontade de dicir e de situar a voz no centro das súas creacións musicais. Tal vez iso é todo o que teñen en común, e aínda así conforman unha curiosa tribo: a tribo dos que queren abrir a boca na escena musical galega. Versos a boca de xerro e bocas con vontade de sacar a lingua a primeiro plano.

"Ao pé de letra" explora as alturas e profundidades da linguaxe no territorio da música popular contemporánea. O café cantante de Marful, o rock intimista e experimental de Narf, o pop de sabores tropicais de Xavier Díaz, o rap suave e contundente de Safari Orquestra, a melodía postradicional de Guadi Galego, ou o hip hop existencial e irónico de Non Residentz, exploran novos camiños de expresión musical do século XXI. Unha conxura de voces nun escenario común que se presenta en Vigo con Jorge Drexler como artista convidado.

Artistas:

MARFUL. Unha cita para os elementos de raiz e contemporáneos. Coa tradición americana e europea. Unha viaxe a unha belle epoque marcada pola ironía. A voz de Ugia Pedreira xunto ao bo facer de Pedro Pascual, Pablo Alonso e Marcos Teira.

NARF é unha síntese das aventuras de Fran Pérez no mundo da música. Fonética e poética. Acústica e rock. Evocación e actualidade. Xunto a Fran Pérez, o sabor da guitarra de Marcos Teira e a ensoñación do vibráfono de Pepe Sendón.

NON RESIDENTZ. Dous pratos, dous micros e tres cabezas preparadas para fuxir dos sons machacóns. Rimas sobre pensamentos e sentimentos que construen novas historias e conceptos.

GUADI GALEGO E GUILLERMO FERNANDEZ. A voz e a guitarra de Berrogüetto únense sobre o escenario para crear un novo proxecto. Talento ao servizo dunha música e dunha tradición íntima. Ritmos e palabras para unha mensaxe espida e contemporánea.

SAFARI ORQUESTRA. Kamikazes musicais creando un collage de sons orixinal e impactante. Emilio Rodríguez e Xermán Viluba atopáronse hai dous anos con Arturo Vaquero e emprenderon un camiño que mestura electrónica e house-jazz. A ciencia do ruído.

XABIER DIAZ. Toma o pouso da música tradicional para levalo ao seu rego creativo. Coas súas músicas de salitre amosa a contemporaneidade da tradición. Unha voz intimista para cancións feitas de corazón. Palabras salgadas con tenrura.

DJ TWO FACES. O mestre de cerimonias comezou a súa andaina musical pinchando nos clubes de Londres. Chegou á península hai xa anos co afamado grupo US3 e aquí quedou. Ritmos e palabras son as súas armas. DJ Keison é a súa identidade habitual.

Artista convidado: JORGE DREXLER.
Fala e escribe música sen parar. Ten letras para si mesmo e para prestar a outros como Ketama, Alba Molina, Rosario Flores ou Adriana Varela. Naceu en Uruguai e, ainda que vive en Madrid, non deixa continuamente de voltar aló, onde, ademais, acadou xa un disco de ouro. Elegante e inquedo, procede dun mundo de mesturas onde a palabra, a guitarra eléctrica e os ordenadores dan como resultado composicións tan agudas como seductoras .

Idea orixinal, produccion e coordinación artística: Nordesía Produccións S.L

Dirección Artística & Guión: Carlos Santiago e Ugia Pedreira

Dirección Musical: Guillermo Fernández e Pedro Pascual

Mestre de Cerimonias: DJ Two Faces

Tema musical "Ao Pe da Letra": Carlos Santiago, Guillermo Fernandez, Pedro Pascual e Ugia Pedreira